Friday 01 de November de 2024

Comezan os traballos de mellora e accesibilidade do parque infantil dos xardíns de Méndez Núñez


Os seguintes espazos a renovar serán os Santa Margarida e Sagrada Familia, tras finalizar as labores no de Oza hai uns días

O Concello da Coruña investiu 1,3 millóns de euros en melloras de accesibilidade e a renovación destes espazos no que vai de mandato

O Concello da Coruña segue amosando o seu compromiso co mantemento e a mellora dos parques infantís dos distintos barrios da cidade. A área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Juan Díaz Villoslada, ven de rematar os traballos de mellora e ampliación da zona de xogos do parque de Oza.

Os traballos do citado parque consistiron no cambio do firme e a adaptación do mesmo aos criterios de accesibilidade que a fundación Abrente trasladou ao Concello no convenio asinado este ano entre ambas partes. Os traballos tiveron un orzamento total de 42.842 euros.

Con esta actuación, o Concello da Coruña leva investidos no que vai de mandato un total de 1.296.967 euros no mantemento e mellora das zonas de xogo para nenos. O goberno de Inés Rey sempre se amosou predisposto a acometer os traballos necesarios para que os máis pequenos dispoñan de parques nos que gozar dunha ampla variedade de xogos para nenos e nenas de diferentes rangos de idade.

Tras o remate dos traballos en Oza, a área correspondente prepara xa intervencións noutras zonas infantís da cidade. É o caso dos parques situados nos Xardíns de Méndez Núñez, onde comezaron os traballos esta semana. Alí renovaranse os xogos dos dous recintos existentes, o destinado aos máis pequenos e o das nenas e nenos máis adultos. Acometeranse tamén melloras na zona de xogo do parque de Santa Margarida e ampliarase o parque infantil da praza de San Jaime, na Sagrada Familia.

O plan de renovación integral dos espazos de lecer foi anunciado o pasado mes de xuño pola alcaldesa Inés Rey tras a súa aprobación na Xunta de Goberno Local. O seu obxectivo é que os 139 espazos de lecer cumpran coa normativa de accesibilidade e estean en condicións. O obxectivo deste plan é tamén que todos os barrios da cidade conten con espazos infantís modernos, seguros e accesibles.

Desde o inicio do mandato renováronse 18 parques infantís, creáronse dous novos, os de Breogán e Zapateira, e rematáronse as obras do novo parque de San Vicente de Elviña. En total, acometéronse melloras nos parques da praza da Concordia, praza das Conchiñas, Rafael Alberti, Pedralonga, praza Eliptica, San Vicente de Elviña, praza Mariñeiros, parque de San Diego, Urbanización Breogán, Valaire Munich, Birloque, Abogacia, Valaire Maastricht, Azahar, Parrote, praza Salvador de Madariaga, avenida de Cádiz e parque de Oza.